A antes chamada Illa do Cobo, é en si mesma unha xunqueira de máis de 6 hectáreas de gran interese natural e paisaxístico (declarada como LIC, Lugar de Importancia Comunitaria, e incluída na Red Natura 2000), que a finais do século XX foi transformada en parque e museo ó aire libre.
A illa sitúase a uns 400 metros do núcleo urbano de Pontevedra, subindo pola marxe esquerda do río Lérez, xusto tras pasar a Ponte dos Tirantes e pegada á zona universitaria. Normalmente se pode aparcar moi preto e de balde, tanto na Avda. de Buenos Aires (na outra marxe do río) como nos exteriores do Pazo da Cultura.
Para acceder contamos con varias pasarelas e pontes, sendo a máis espectacular de todas unha ponte peonil colgante, a cal permite que pasemos á outra marxe do río, onde podemos conectar coa Senda do Lérez (ruta duns 12 quilómetros que vai pegada a ambas marxes do río Lérez, desde a Ponte dos Tirantes ata o encoro de Bora)
Como museo, a Illa das Esculturas expón de forma permanente e gratuíta obras dunha docena de artistas de recoñecemento internacional, as cales teñen o granito, a pedra galega por excelencia, como nexo entre elas e o contorno. Algúns destes artistas son Giovanni Anselmo, Fernando Casás, José Pedro Croft, Dan Graham, Francisco Leiro, Richard Long, Robert Morris ou Anne & Patrick Poirier.
Como parque e zona de recreo conta co Parque da Familia, situado entre a illa e o complexo universitario. Este parque infantil ten multitude de xogos para os máis pequenos, mentres que os adultos dispoñemos dun quiosco-cafetería desde onde vixiar ós peques mentres nos tomamos algo.
Dispón de múltiples sendeiros para pasear e facer deporte, que conforman tres circuítos de entre 1 e 1,8 km. que adoitan ter xente correndo ou paseando en bici. O contorno é tan agradable que é moi habitual ver a deportistas practicando piragüismo nas augas do Lérez.
De entre as actividades e eventos que tamén acolle o lugar podemos destacar o Surfing the Lerez Festival que todos os anos lle pon ritmos alternativos á cidade.
Outros lugares de interese que están preto e podemos destacar son a Praia fluvial de Pontevedra, o paseo do Lérez, o Mosteiro de San Salvador de Lérez, a Ponte dos Tirantes, o Pazo da Cultura e o Campus Universitario.