Monumentos - PONTE CALDELAS

Petróglifos

Os primeiros "monumentos" aos que lles imos a prestar atención son os PETRÓGLIFOS de Tourón.

A riqueza e variedade de motivos representados en "Outeiro dás Sombriñas" constitúen un dos mellores exemplos da nosa arte rupestre.

Igrexas

Como sucede noutros municipios galegos, no Concello de Ponte Caldelas destaca desde o punto de vista monumental as construcións de carácter relixioso.

Así podemos mencionar a románica igrexa parroquial de Tourón, de finais do século XII que conserva desta arte a fachada e o arco do presbiterio. Nunha fachada lateral existe un escudo dos Pazos de Proben.

A igrexa parroquial de Santa Eulalia de Ponte Caldelas destaca polo seu retablo pétreo obra do mestre D. Manuel González, autor tamén da fonte que se atopa na "Plazuela do Bispo" no centro da vila e do Calvario de Barbudo.

Así mesmo, tamén destacan as igrexas da Insua, aberta ao val cun Via Crucis de pedra ao redor do atrio e da igrexa de Xustáns (conxunto de igrexa e cemiterio con outo interesante cruceiro).

Capelas:

- Capela de Casteliño ao Sacro Corazón de Xesús. Desde ela pódese divisar unha ampla panorámica que mesmo chega á ría de Pontevedra. A subida a ese monte faise seguindo un via crucis de pedra, existindo unha lenda sobre unha pisada de cabalo do apóstolo Santiago nunha pedra das inmediacións.

- Capela de San Vicente de Parada. Situada nun marco extraordinario pola súa beleza natural e a proximidade dun río. Conta con restos dun sepulcro antropomorfo e todos os anos celébrase uha tradicional romaría na súa honra e que congrega a gran cantidade de devotos.

- Capela de Santa Comba de Rebordelo. Noutra bonita paraxe e famosa pola multitudinaria romaría que se celebra na súa honra.

- Capela de Cristo Rei en Xustáns. Desde onde se divisa unha extraordinaria panorámica, existindo non moi lonxe dos petróglifos cuadrúpedos.

Outros monumentos

A riqueza monumental deste municipio complétase con innumerables cruceiros e petos de ánimas sen esquecernos de varios pazos entre os que destacan o pazo do Pombal en Tourón, fundado en 1.688 por D. Pedro de Pazos Proben, e outro pazo tamén en Tourón que se corresponde coa antiga Casa dá Inquisición, ambos hoxe de propiedade privada.