Este parque é un paseo lineal ao longo da maior parte do treito urbano do Río dos Gafos, unha canle que procede de Vilaboa, atravesa Tomeza e a zona norte de Salcedo e penetra no centro urbano pola zona da Estación de Autobuses.
No treito rural o río vai acompañado dunha agradable senda en todo o seu percorrido. Na zona urbana, o espazo libre que deixou a intensa actividade edificatoria foi convertido nun parque lineal que parte da ponte da Avda. da Estación, atravesa baixo Ponche Boleira (Av. de Vigo) e vai dar ao parque de Campolongo.
Todo ese percorrido é de feito unha frondosa senda que discorre a ambos os dous lados do río, apoiado en pasarelas de madeira para facer posible o paso, e unha iluminación moi apropiada para unha acolledora área natural imbricada no centro urbano como esta. A partir de aí, o Gafos discorre por baixo da urbanización de Campolongo, para volver renacer á altura da Avenida de Rosalía Castro, desde onde existe un último treito practicable antes do seu fin, nas Corbaceiras.
Neste último treito do percorrido, dúas pontes e varios edificios tradicionais dannos unha idea de como era este río outrora, cando constituía unha das máis famosas fotos da cidade, coas mulleres lavando nas súas augas cristalinas.