Petroglifo Laxe da Rotea de Mendo - CAMPO LAMEIRO

Nesta estación rupestre preséntanse numerosos gravados, parte deles difíciles de recoñecer a causa da erosión que presentan. Para poder velos hai que colocarse na parte baixa da rocha. Xusto de fronte obsérvase un grande cervo macho bramando, que é, xunto ás combinacións de círculos concéntricos, o motivo que mellor se aprecia. Constitúe un dos mellores e coñecidos exemplares de representación deste animal no acto de chamar á femia (que se cre que podería estar representada na parte dereita da rocha). Está provisto de grandes cornos e longo falo que está trazado mediante unha única liña. O cervo aparece en celo, bramando coa cabeza erguida en dirección a outra figura, de realización menos coidada. (Hoxe o cervo ten dúas cabezas debido a que os visitantes tenden a marcar con pedras e outros útiles unha cabeza recta, modificando así o seu gravado). Ademais vense combinacións de círculos concéntricos, outros cérvidos e un elevado número de trazos, algúns dos cales poderían corresponder a formas antropomorfas. Tamén hai figuras realizadas en épocas máis recentes que parecen representar dúas bailarinas e que para algúns investigadores non pertencerían ao Grupo Galaico de Arte Rupestre. O resto das figuras se pertencerían, cunha cronoloxía en torno á transición do III-II milenio a. de C.


Fuente: turismo.gal