Combarro - POIO

Situado na beira setentrional da ría de Pontevedra, esta viliña de fondas raíces mariñeiras é un enclave de grande orixinalidade pola perfecta adaptación ao medio natural no que se enclava e polo xeito tradicional de vida dos seus habitantes, creando unha singular simbiose entre o mundo rural e mariñeiro. Combarro constitúe un dos exemplos máis destacados de arquitectura popular tradicional, razón que, xunto coa súa boa conservación, converte o núcleo na ilustración máis socorrida en moitas publicacións sobre Galicia e nun dos puntos máis visitados da xeografía galega, favorecido ademais pola proximidade de grandes centros turísticos como Sanxenxo, Cambados ou O Grove.

O tipismo desta aldea reside na combinación de casas antigas, hórreos, cruceiros e embarcacións nun contorno perfecto na fermosa e paisaxística enseada de Campelo e coa Illa de Tambo e unha ría inzada de bateas como marco de fondo.

As casas, situadas á beira do mar e construídas sobre o rochedo granítico nu para aproveitaren a estreita franxa litoral cultivable, son de pedra de milimetrada cantería e lembran á arquitectura pacega, con solainas e balaustradas nas fachadas, con dous andares, dedicado ao inferior a alboio, cortes e adega onde gardar os útiles de labranza e os aparellos da pesca. Conxúganse as vivendas con cruceiros que aparecen aquí e acolá ao longo da vila e cos hórreos, sendo frecuente toparnos con redeiras arranxando os aparellos, pescadores acondicionando as barquiñas e un bulir constante de pequenas embarcacións que entran e saen do seu porto.


Para coñecer

O casco histórico de Combarro destaca polo seu conxunto harmonioso de arquitectura popular galega con casas tradicionais, hórreos e cruceiros. A estrutura urbana actual data do século XVIII e as casas ordénanse nun heteroxéneo conxunto de ruelas que parten de dúas vías principais, a Rúa e a rúa de San Roque, que exhiben as típicas casas mariñeiras das Rías Baixas con soportais columnados de planta baixa, con patín, das que quizais o mellor exemplo sexa a casa coñecida como A Xurunda, que presenta un bo deseño e unha mestría na talla das varandas que lle dan aspecto nobre. Outras tipoloxías de casa tamén están presentes con fermosos exemplos, coma as de corredor, que contan con espléndidos canzorros que os soportan, ou as labregas, con portas máis anchas para poder meter o carro na planta baixa. As casas teñen a súa fachada cara ao interior, quedando cara á costa pequenos currais e hortas que albergan galiñeiros e cortellos, e onde se erguen a maioría dos máis de trinta hórreos de cantería, chamados aquí palleiras, cos que conta a vila, situados ao longo da beiramar, aliñados e colgados sobre pequenos valados ós que case chega á auga nas preamares. Estes hórreos manteñen a súa función orixinal como almacéns de millo e, neste caso, tamén como secadoiros de peixe, conformando un dos conxuntos deste tipo de construcións máis impresionantes de Galicia. No núcleo están tamén ben representados os cruceiros, ata un total de oito -algúns do s. XVIII, como o de San Roque, situado no adro da igrexa parroquial barroca do mesmo nome- que ocupan os cruzamentos de rúas ou as pequenas praciñas que se abren no interior do núcleo. Algúns deles están acondicionados con mesiñas de altar que son engalanadas para a tradicional procesión do Corpus.


Vila senlleira

Pasear por Combarro ao solpor na preamar, cando as sombras se alongan na pedra que define a aldea por todos os seus costados e o mar parece rebordar nun manto dourado que nos enche os sentidos coa súa brisa e agradable olor a salitre, ou durante a baixamar, contemplando a vila e as mariscadoras faenando na praia, son algunhas das experiencias máis incribles que se poden vivir en Galicia e que nos fan recuar a tempos nos que a vida levaba outros ritmos, os que impoñían os traballos do mar e da terra.


Non perderse

Festa do Mar: celébrase durante a terceira semana de agosto. Nela réndeselle homenaxe ao mar, nunha celebración que conxuga nun mesmo programa todos os aspectos da cultura mariñeira: a Mostra Gastronómica, que oferta a prezos populares todos os manxares que se extraen do mar e os viños de gran calidade das Rías Baixas; a Feira de Mostras Mare, con stands referidos ao mar, artesanía, artes de pesca e turismo; e outros actos como os Encontros de embarcacións tradicionais, obradoiros interactivos e actividades lúdicas e deportivas.


Fonte: turgalicia.es