Senda Peonil da Ponte do Ramo - CUNTIS

Arquitectura tradicional / Etnografía / Interese naturalista
A primeira parte transcorre polas beiras do río Umia: en Ponte do Ramo. Aquí levábase a cabo, antigamente, a cerimonia do bautismo prenatal. Para este bautismo as mulleres preñadas agardaban á media noite o paso dalgún transeúnte que se había converter en padriño ou madriña do meniño que esperaban.

Camiñamos por un estreito sendeiro entre unha exuberante fraga ata chegar aos Muíños Grande e Pequeno da Puntalta, onde contemplaremos a forza do río cando pasa por este punto. Proseguimos o camiño ata alcanzar o restaurado Muíño de Portavezal, que conta cun afiador para os aveños da labranza.
A partir dos Muíños de Abaixo e de Arriba do Verdugo, o sendeiro afástase do río Umia e condúcenos ata o Alto de Portela, onde cumprirá estar atentos para non nos confundir cos sinais aínda existentes do antigo PR-G 20.

Baixamos por unha antiga vía romana que unía a localidade portuguesa de Arcos de Valdevez con Cuntis e, entre grandes carballos, chegamos á fonte de Conles. Dende esta pequena aldea, ascendemos ao monte do Rañadoiro, onde nos agarda o xacemento arqueolóxico dos petróglifos de Cequeril.

En Outeiro dos Campiños pódense observar estas representacións gráficas gravadas nas penas onde destaca a coñecida como A Laxe dos Homes, con figuras antropomorfas.

Deixamos atrás Cequeril, onde se pode visitar a súa igrexa, e a partir de aquí, coincidindo co sendeiro de longo percorrido GR-94, volvemos ao noso punto de partida en Ponte do Ramo.


Acceso: Dende a localidade de Cuntis collemos a estrada PO-8402 en dirección a Cequeril, e despois de 6,5 km aproximadamente chegaremos a Ponte do Ramo, onde nos encontraremos co panel de inicio da ruta.

En caso de fortes chuvias, informarse sobre o caudal do río antes de emprender a ruta por posibles inundacións nalgunhas partes do percorrido.


Fuente: Turismo.gal